venres, 24 de outubro de 2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS (1)

 Este ano celebramos o Día das Bibliotecas baixo o lema “Contra a desinformación”, lembrando que a biblioteca é unha fonte segura de coñecemento e cultura.

Todas e todos temos cabida neste espazo de aprendizaxe e imaxinación. Cada lector e lectora é diferente, e iso fainos especiais.

Por iso traballamos este libro, que explica con pictogramas como funciona unha biblioteca, para que todas as persoas, con diferentes maneiras de aprender e de entender o mundo, poidan descubrir o marabilloso universo dos libros e da información fiable.




xoves, 23 de outubro de 2025

NENA E O MAR

 Benvid@s ao Club de Lectura deste curso 2025/26 no CEIP A Cristina!!

Este ano temos o privilexio de traer ao noso clube a novela "Nena e o mar", creada pola escritora coruñesa Érica Esmorís e que nos traslada á vila costeira de Porto Balea para vivir da man da Nena, a súa protagonista, grandes aventuras!


Os dous primeiros capítulos preséntannos tanto a Nena como á contorna na que vive, o pobo mariñeiro da Porto Balea, que hai tempo atrás tratábase dunha poboación activa e emprendedora grazas a súa principal actividade económica: a caza de cetáceos.

A primeira actividade que fixemos no Clube de Lectura foi un pouquiño de papiroflexia para recrear os barcos que deben estar amarrados no peirao de Porto Balea, máis nós fixémolos de cores para darlle un chisco de ledicia ao ambiente da vila e tamén para decorar o teito da nosa biblioteca. 

Cal será a próxima actividade?

Xa veremos xa!

xoves, 16 de outubro de 2025

Medo me dá!!!

 Este ano, e como vixentes campións, volvemos participar no certame de Teatro Lido que convoca o FIOT.

Mario, Lucía, Óliver, Aroa, Julia, Marta e Álvaro son os integrantes dos Cristinatreiros e xuntos interpretan "Medo me dá" de Ramón D. Veiga e con adaptacións da profe Maica.

Os monstros tamén teñen os seus medos; non todo vai ser temerlles a eles. O vampiro teme ao dentista, ao home lobo non lle gusta cortar o pelo, a momia ten medo de envellecer... 

Botádelle un ollo á gravación. Que ben o fan!











venres, 10 de outubro de 2025

MOCHILAS VIAXEIRAS

 Unha vez máis botan a andar as mochilas viaxeiras no noso cole! Este curso a temática está relacionada co proxecto de centro "As crebas da Cristina" sobre como mellorar o patio, aproveitando o legado, o que xa temos.

Engadimos exemplares sobre medio ambiente, ecoloxía ou reciclaxe e outros libros que dan pé a actividades máis manipulativas aproveitando os envases do lixo.


Deixámosvos as nosas recomendacións para a educación infantil.











NOVAS VOLUNTARIAS!

Durante o mes de setembro hai que poñer a andar a biblioteca un curso máis. Nuno conta con novas voluntarias que, sen dúbida, farán unha gran labor. 


Martina, Nerea, Sofía, Marta e Alba xa teñen os seus carnés! Grazas pola vosa axuda, amigas!

mércores, 1 de outubro de 2025

PROXECTO DE CENTRO




 É o proxecto anual do CEIP A Cristina, centrado na sostibilidade, o coidado do medio ambiente e a creatividade a través do refugallo. O nome fai referencia ás crebas, os obxectos que o mar devolve á costa, que o alumnado recolle, transforma e converte en arte.

A idea principal é dar nova vida ao que outros desbotan, aprendendo a reutilizar, reciclar e crear con imaxinación e conciencia ecolóxica. O proxecto

 combina educación ambiental, artística e emocional, aproveitando as nosas fortalezas, como centro e promovendo  o respecto pola natureza, o consumo responsable o traballo en equipo e o compromiso co planeta.