venres, 7 de novembro de 2025

INICIANDO BIBLIO CREATIVA

 Esta semana iniciamos a nosa andaina en Biblio Creativa presentando os distintos robots cos que imos experimentar e programar ao longo do curso como, por exemplo, o modelo Photon ou o Puppy VinciBot. 

Coñecemos un pouquiño máis acerca do seu funcionamento.
 
 
 
Tamén estivemos xogando co modelo BricQ de Lego, unha ferramenta que nos pode axudar a que o alumnado acade competencias ao mesmo tempo que se divirte. 

Ao final da sesión, a profe Anaís entregoulles aos participantes un chaveiro con forma de robot que deseñou e imprimiu na impresora 3D. Que chulada!
 


 


 


martes, 28 de outubro de 2025

TEATRO LIDO- Seleccionados!!

 Tivemos a magnífica noticia de ser seleccionados para o Certame de Teatro Lido, organizado dentro da plataforma FIOT organizado polo concello.

Isto dounos a oportunidade non soamente de visitar unha emisora de radio "de verdade", senón ser protagonistas do noso propio podcast, que se emitirá a través das Ondas para que todos poidades escoitar o magnífico traballo que fixeron os nosos artistas. 

Isto chámase explotar as nosas fortalezas como centro e sentirnos moi fachendosos !

Parabéns, artistas!






DÍA DAS BIBLIOTECAS (II)

 Hoxe tivemos a oportunidade de entrevistar na radio a Antonio, profesor de 2º de Primaria e un
auténtico mestre polivalente: ensina, toca música, fala varios idiomas e mesmo publicou un libro de poesía. Explicounos que a biblioteca é unha gran aliada para evitar a desinformación, porque antes de crer todo o que vemos ou escoitamos é importante comprobar as fontes e buscar información fiable. 

Sempre simpático e disposto a axudar, dá gusto contar con alguén así no noso centro.

Premendo sobre a imaxe, podedes escoitar a entrevista completa.




venres, 24 de outubro de 2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS (1)

 Este ano celebramos o Día das Bibliotecas baixo o lema “Contra a desinformación”, lembrando que a biblioteca é unha fonte segura de coñecemento e cultura.

Todas e todos temos cabida neste espazo de aprendizaxe e imaxinación. Cada lector e lectora é diferente, e iso fainos especiais.

Por iso traballamos este libro, que explica con pictogramas como funciona unha biblioteca, para que todas as persoas, con diferentes maneiras de aprender e de entender o mundo, poidan descubrir o marabilloso universo dos libros e da información fiable.




xoves, 23 de outubro de 2025

NENA E O MAR

 Benvid@s ao Club de Lectura deste curso 2025/26 no CEIP A Cristina!!

Este ano temos o privilexio de traer ao noso clube a novela "Nena e o mar", creada pola escritora coruñesa Érica Esmorís e que nos traslada á vila costeira de Porto Balea para vivir da man da Nena, a súa protagonista, grandes aventuras!


Os dous primeiros capítulos preséntannos tanto a Nena como á contorna na que vive, o pobo mariñeiro da Porto Balea, que hai tempo atrás tratábase dunha poboación activa e emprendedora grazas a súa principal actividade económica: a caza de cetáceos.

A primeira actividade que fixemos no Clube de Lectura foi un pouquiño de papiroflexia para recrear os barcos que deben estar amarrados no peirao de Porto Balea, máis nós fixémolos de cores para darlle un chisco de ledicia ao ambiente da vila e tamén para decorar o teito da nosa biblioteca. 

Cal será a próxima actividade?

Xa veremos xa!

xoves, 16 de outubro de 2025

Medo me dá!!!

 Este ano, e como vixentes campións, volvemos participar no certame de Teatro Lido que convoca o FIOT.

Mario, Lucía, Óliver, Aroa, Julia, Marta e Álvaro son os integrantes dos Cristinatreiros e xuntos interpretan "Medo me dá" de Ramón D. Veiga e con adaptacións da profe Maica.

Os monstros tamén teñen os seus medos; non todo vai ser temerlles a eles. O vampiro teme ao dentista, ao home lobo non lle gusta cortar o pelo, a momia ten medo de envellecer... 

Botádelle un ollo á gravación. Que ben o fan!











venres, 10 de outubro de 2025

MOCHILAS VIAXEIRAS

 Unha vez máis botan a andar as mochilas viaxeiras no noso cole! Este curso a temática está relacionada co proxecto de centro "As crebas da Cristina" sobre como mellorar o patio, aproveitando o legado, o que xa temos.

Engadimos exemplares sobre medio ambiente, ecoloxía ou reciclaxe e outros libros que dan pé a actividades máis manipulativas aproveitando os envases do lixo.


Deixámosvos as nosas recomendacións para a educación infantil.











NOVAS VOLUNTARIAS!

Durante o mes de setembro hai que poñer a andar a biblioteca un curso máis. Nuno conta con novas voluntarias que, sen dúbida, farán unha gran labor. 


Martina, Nerea, Sofía, Marta e Alba xa teñen os seus carnés! Grazas pola vosa axuda, amigas!

mércores, 1 de outubro de 2025

PROXECTO DE CENTRO




 É o proxecto anual do CEIP A Cristina, centrado na sostibilidade, o coidado do medio ambiente e a creatividade a través do refugallo. O nome fai referencia ás crebas, os obxectos que o mar devolve á costa, que o alumnado recolle, transforma e converte en arte.

A idea principal é dar nova vida ao que outros desbotan, aprendendo a reutilizar, reciclar e crear con imaxinación e conciencia ecolóxica. O proxecto

 combina educación ambiental, artística e emocional, aproveitando as nosas fortalezas, como centro e promovendo  o respecto pola natureza, o consumo responsable o traballo en equipo e o compromiso co planeta.




luns, 16 de xuño de 2025

TEATRO DE SOMBRAS

 Fai uns días anunciábamos o final do obradoiro de teatro de sombras e aquí tedes o resultado do primeiro pase:

Pincha en cada título para ver o vídeo:










venres, 6 de xuño de 2025

TEATRO DE SOMBRAS

 No marco de BIBLIOTECA CREATIVA, a noso obradoiro de TEATRO DE SOMBRAS, chega ao seu remate.

Despois de moitas xornadas de cociña, elaborando os guións, as siluetas , a iluminación, as entradas, e os ensaios, chega o momento da representación, amosando con moita fachenda o resultado.



Poderedes visualizar o noso traballo na biblioteca do centro, ao que se acudirá por niveis. E mentres seguimos coa última fervedura, aquí vos deixamos  un entrante. A que semella interesante?


CLUB DE LECTURA

Despois duns  meses de grandes debates no club de lectura o pasado martes tivemos un encontro final cos dous clubs para compartir as nosas lecturas favoritas. Foi unha actividade moi especial na que poidemos coñecer un pouco máis e mellor a outros apaixonados da lectura e tamén para tomar uns petiscos.










 

5 DE XUÑO DÍA DO MEDIO AMBIENTE

Onte celebrouse o día internacional do medio ambiente. Aproveitamos para mostrar novas adquisición da biblioteca relacionadas con esta temática.