Tivemos a sorte de recibir na nosa biblioteca a visita de Carlos Meixide, autor do libro Ánxela e Spencer co que traballou o alumnado de 5º e 6º de primaria. Compartimos unha charla moi amena e enriquecedora na que nos contou como naceu a idea da obra, como escolleu os nomes dos personaxes e por que decidiu situar a historia en lugares tan próximos como Guitiriz, Betanzos e A Coruña. Tamén nos explicou como foi o proceso de creación das ilustracións, descubrindo así moitos detalles curiosos do libro.
Relatounos que comezou a escribir sendo moi pequeno, despois de que un mestre lles propuxese facer unha redacción na aula. El decidiu inventar unha historia protagonizada por un detective e o éxito foi tal entre os seus compañeiros e compañeiras que continuou creando novas aventuras para compartilas con eles. Segundo nos confesou entre risas, aquel foi o seu “primeiro éxito” como escritor.
Durante o encontro respondeu con moita cercanía e entusiasmo ás numerosas preguntas que tiñamos preparadas, tanto sobre o libro que lemos na clase como sobre outras obras da súa autoría. E, para rematar esta xornada tan especial, dedicounos e asinounos os nosos exemplares.
Foi unha experiencia moi especial da que gardaremos un fermoso recordo, xa que, ademais de aprender moitas cousas sobre a lectura e a escrita, gozamos enormemente da súa compañía.

Ningún comentario:
Publicar un comentario